O Concello de Larouco, xunto co respaldo económico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, teñen promovido diferentes actuacións de posta en valor do monumento catalogado de “O Castrillón”. Entre outras accións realizáronse diferentes escavacións arqueolóxicas e de musealización que puxeron ao descuberto un fantástico poboado da Idade do Ferro. Para mellorar o seu coñecemento entre a poboación local e visitante procedeuse a balizar unha ruta de visita e instalar diferentes paneis interpretativos.
Coas actuacións agora propostas preténdese complementar aquela actuación cunha visión ambiental do lugar, determinando que masas arbóreas, arbustivas, etc. merecen ser conservadas e promovidas e integradas no itinerario de visita, fronte aquelas outras especies alóctonas como variedade de piñeiros. De tal modo que futuros traballos de roza e limpeza do lugar teñan unha cartografía de detalle do lugar e o patrimonio natural poda ser igualmente integrado dentro da ruta interpretativa.
O Castrillón aporta os valores do seu ecosistema mediterráneo ao ZEC Macizo Central
Rede Natura 2000
A Rede Natura 2000 é un proxecto da Unión Europea para a conservación da biodiversidade. Trátase da maior rede coordinada de espacios naturais protexidos do planeta, con áreas en todas as rexións europeas.
As áreas protexidas son polo xeral de pequeno tamaño, e atópanse baixo a presión de actividades ou infraestruturas humanas. Con todo, a Rede Natura non pretende illar completamente estes espazos da sociedade, senón darlles un valor produtivo sustentable.
A Rede Natura 2000 distribúese en Zonas de Especial Conservación (ZEC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), declaradas segundo os hábitats naturais e especies senlleiras ou en risco de extinción presentes nelas.
ZEC Macizo Central
O Macizo Central ocupa unha extensa área montañosa escasamente poboada que conserva importantes ecosistemas moi variados, e que polo tanto gardan unha grande biodiversidade.
Así, nesta área podemos atopar hábitats de alta montaña, prados, ríos, bosques atlánticos e mediterráneos e outros ecosistemas nos que se desenvolven múltiples especies senlleiras adaptadas a eles, algunhas en perigo.
A presenza destas especies e a biodiversidade dos seus ecosistemas son as razóns polas que o Macizo Central está protexido.
Como primeiro paso na inclusión da Rede Natura 2000, o Macizo Central foi proclamado Lugar de Interés Comunitario (LIC) en 2004. Finalmente o Decreto 37/2014, que aprobou o plan director da Rede Natura 2000 en Galicia, declarou as súas 46.983 ha. Zona de Especial Conservación (ZEC).
Mapa do ZEC Macizo Central
Larouco no ZEC Macizo Central
O Río Bibei delimita o Macizo Central polo nordés ata a súa desembocadura no Sil. Neste traxecto atravesa a comarca de Valdeorras, unha zona de marcado carácter mediterráneo con invernos fríos, veráns moi cálidos e secos, e outonos e primaveras suaves. Neste enclave atopamos o sur do concello de Larouco.
A razón pola que Larouco pertence ao ZEC Macizo Central está por tanto na presenza de especies mediterráneas capaces de desenvolverse nesas condicións climáticas. Aciñeiras, oliveiras, sobreiras, cantroxos e xaras dan sustento e acubillo a unha fauna que non ten presenza noutras partes de Galicia, como a lagarta colirrubia, a araña touro ou o abellaruco. Todas estas especies conviven con outras máis comúns, e orixinan unha biodiversidade merecedora do recoñecemento e protección da Rede Natura 2000.